28 de out. de 2016

SAMAÍN DE MEDO NA NOSA BIBLIO

Hoxe na biblio nenas e nenos de 1º e 2º curso estiveron escoitando historias de medo, non podía ser doutra maneira nas vísperas do Samaín. 
Pero non eran historias de pantasmas, momias, vampiros ou homes lobo, non,... eran historias de medo de Tomiño!
Primeiro contaron a historia da Mariamanta, unha criatura que vivía no fondo dos ríos e que se alimentaba de nenos e nenas, nos tempos en que os nenos e nenas ían as leiras, aproveitando que se arrimaban ao río,...zas!
Logo veo a historia do Tardo, este alimentábase do medo, o medo das xentes que percorrían os camiños cun candil, nos tempos en que non había electricidade. 
  E rematamos coa historia do Acompañamento, que tamén se lle chama Santa Compaña....
QUE MEDO!!!!



14 de out. de 2016

Nobel de literatura para Bob Dylan

Acaban de concederlle o premio Nobel de literatura 2016 a Bob Dylan.
Bob Dylan non é un escritor de novelas, mesmo non é un escritor de historias. É un poeta que utiliza a canción como medio de crear literatura. Bob Dylan foi un dos músicos "pop" que máis influiron dende a década dos anos 60. Concretamente neses anos expresou nas súas cancións sentimentos en contra da guerra e da violencia dunha forma moi clara e contundente. Para vós é un músico doutros tempos, pero seguro que coñecedes algunha das súas cancións. Probade con este video, versión "reagge" dunha das súas máis coñecidas: "Knocking on Heavens Door"

OS NOSOS PEQUENOS ESCRITORES: Sergio Vicente Gómez 6ºB

PROXECTO RÍOS: “MÓLLATE POLOS RÍOS”
O pasado día 30 de setembro saímos do colexio ás 10:00 da mañá, de camiño ao río Pego. Fomos andando ata o cruce da Salgosa; chegamos mirando para o río, xa fomos collendo algo de lixo. Comezamos o percorrido do “noso” tramo do río que temos apadriñado. Repartimos as luvas e as bolsas para recoller o lixo en equipos de catro alumnos. O río estaba moi tranquilo e aos dez metros xa empezaba a aparecer o lixo; por sorte alí estaban os nenos de 6ºB para recoller o lixo. Tamén atopamos un saltamontes moi grande, ao que lle chamamos “Mini Timmy”. Estivemos ao lado dun trigal moi grande con algúns anacos manchados de algo de cor branca, pintura creo, onde había ortigas, dentes de león e fungos. Estivemos nun ortigal, por sorte os profes ensináronnos cal era a menta para contrarrestar o picor da ortiga, que alivia bastante. Había fentos reais, salgueiros e amieiros, que son especies autóctonas de Galicia e tintoreiras, que son especies invasoras. Tamén atopamos... ¡Unha escoba!!! Sí, unha escoba e tamén unha bota, restos de madeira, un xersei, arames, bolsas de plástico, ...
Cando chegamos de volta á Salgosa, pesamos todo o lixo e ... ¡65kg! Un gran traballo o dos nenos de 6º.

Sergio Vicente Gómez

6º B



Un novo blog para un novo curso

Benvidos de novo ao noso blog da biblioteca. Neste curso renovamos o aspecto do blog, e UNCAS entra na biblioteca con ganas de ler, de informarse, de coñecer... O mundo enteiro está escrito, e podemos ler todos os seus detalles nunha biblioteca. Animádevos coa nosa! Estará chea de novidades.